Declaración institucional do Parlamento de Galicia no marco do Día internacional para a erradicación da pobreza

 
 
Os deputados e as deputadas que neste Parlamento representamos a cidadanía galega temos a ben lembrar que as Nacións Unidas declararon o 17 de outubro Día internacional para a erradicación da pobreza, nun esforzo por espallar entre toda a poboación unha conciencia solidaria que permita facer fronte á miseria na que viven millóns de persoas. Desde esta Cámara facémonos eco do sentir dos galegos e das galegas que se esforzan para conseguir un mundo máis xusto.
 
Nesta data tan sinalada no calendario da solidariedade, o Parlamento de Galicia quere facer seu o Manifesto por unha cidadanía inclusiva da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), mantendo así na axenda política a loita contra a discriminación e a marxinación que padecen as persoas que se atopan en risco de exclusión social.
 
Erradicar a pobreza extrema e a fame son os primeiros retos dos Obxectivos do Milenio, que para o ano 2015 deben ser logros consolidados. A falta de alimentos mata cada día no mundo 24.000 persoas, e máis de 1.000 millóns de persoas viven na pobreza extrema, que castiga con especial dureza as mulleres, os nenos e as nenas. A carencia de medicamentos, de asistencia sanitaria, de vivendas dignas e de auga potable son unha característica común na vida de milleiros de persoas.
 
O risco de exclusión social existe en todo o planeta, tamén na nosa Comunidade Autónoma. Os deputados e as deputadas que formamos parte deste Parlamento reiteramos o noso compromiso de seguir traballando para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria, tanto en Galicia coma no resto do mundo. O cumprimento dos Obxectivos do Milenio nos países do terceiro mundo serán posibles se hai un consenso de toda a cidadanía. A tarefa empeza, por suposto, por nós, como representantes públicos.
 
O día 15 de abril de 2010, unha delegación dos colectivos participantes no I Encontro galego de cidadanía inclusiva, acompañada pola directiva da Rede Galega Contra a Pobreza (EAPN-Galicia), visitou o Parlamento de Galicia para presentarlles á presidenta e aos tres grupos parlamentarios as súas prioridades de traballo. O dito colectivo fixo entrega do citado Manifesto con propostas sobre os dereitos de igualdade e de cidadanía, documento que hoxe tomamos como punto de partida para acadar a integración social plena das persoas que a día de hoxe se atopan en risco de exclusión.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2010

 

Imaxes relacionadas