Pilar Rojo homenaxea a Eduardo Pondal na inauguración da mostra ‘51 páxinas das nosas letras’ en Ponteceso

· A presidenta da Cámara inaugura en Ponteceso a mostra itinerante organizada polo Parlamento, coa colaboración da RAG e a Xunta, para homenaxear aos escritores e escritoras aos que se dedicou o Día das Letras Galegas.

Santiago, 23 de  setembro xullo de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou hoxe en Ponteceso,  acompañada polo alcalde deste Concello, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o secretario xeral de Política Lingüística, o presidente da Real Academia, e a vicepresidenta segunda da Cámara, a exposición 51 páxinas das nosas letras. A mostra está organizada polo Parlamento, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para poñer en valor as figuras homenaxeadas nas distintas edicións do Día das Letras Galegas, desde a súa creación, no ano 1963.
 
Pilar Rojo destacou a especial significación de levar esta mostra a Ponteceso, vila na que viviu, se inspirou e escribiu un dos grandes da literatura galega, o autor da letra do Himno Galego, Eduardo Pondal, homenaxeado no Día das Letras de 1965.
 
A mostra 51 páxinas das nosas letras está aberta ao público na Biblioteca de Ponteceso despois de ter visitado numerosos puntos da xeografía galega, española (Madrid e Barcelona) e internacional (Bruxelas, Buenos Aires e Montevideo).
 
A mostra
 
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento de Galicia. Son obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Están acompañadas dun perfil biográfico e unha breve relación das obras escollidas de cada autor. Tamén incorpora un vídeo sobre a historia do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras, a de 1963.
 
A mostra, deseñada con vocación itinerante, foi inaugurada inicialmente na sede do Parlamento de Galicia en decembro de 2013 con 51 pezas. Desde entón sumáronselle as medallas de Xosé María Díaz Castro (homenaxeado en 2014) e de Xosé Filgueira Valverde, que centrou a celebración de 2015.
 
O acto inaugural contou coa participación alumnos e alumnas do Colexio Eduardo Pondal de Ponteceso e rematou coa interpretación do Himno Galego.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas