Os parlamentos rexionais de Europa reclaman que os incentivos comunitarios compensen o envellecemento poboacional, o descenso demográfico e a dispersión


A CALRE aprobou unha declaración que asume gran parte das emendas formuladas desde a Presidencia do Parlamento de Galicia en defensa dos intereses da Comunidade Autónoma
 
 
 
• A denominada Declaración de Trento demanda que o futuro presuposto comunitario articule unha axuda transitoria para as rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo converxencia para pasar a ser obxectivo competitividade
 
• Rojo Noguera considera que este documento constitúe un respaldo notable aos intereses de Galicia
 
Santiago, 6 de outubro de 2010.- A Asemblea Xeral da  Conferencia de Presidentes de asambleas rexionais de Europa –CALRE- aprobou onte unha declaración na que asume boa parte das emendas formuladas pola presidenta do Parlamento de Galicia en defensa dos intereses da Comunidade Autónoma.
 
Na reunión anual da CALRE, que se celebrou en Trento (Italia) os días 4 e 5 de outubro, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, conseguiu o respaldo dos seus homólogos ás propostas formuladas desde Galicia en aspectos como os incentivos comunitarios.
 
Os intereses de Galicia resultaron respaldados expresamente cando a CALRE considera preciso un sistema de incentivos á cooperación transfronteiriza “que teña en conta factores como o envellecemento poboacional, o descenso demográfico e a dispersión de núcleos de poboación”, características da Galicia actual.
 
Axudas transitorias
 
Os presidentes das asembleas rexionais tamén aprobaron unha emenda galega que agrega: “faise necesario que o futuro presuposto comunitario articule unha axuda transitoria para as rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo converxencia para pasar a ser obxectivo competitividade”.
 
En opinión de Rojo Noguera, esta declaración constitúe un “respaldo notable aos intereses de Galicia no contexto europeo”, polo que agradece a sensibilidade amosada polos seus homólogos doutras cámaras lexislativas. 
 
A CALRE está integrada polos parlamentos rexionais da Unión Europea que posúen competencias lexislativas. En total son 74 rexións de 8 países. No seu conxunto, estas rexións representan máis de 200 millóns de habitantes.
 
Integran a CALRE os parlamentos das comunidades autónomas españolas, os consellos rexionais italianos, as asembleas das rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos lands alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asembleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal), e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (o Reino Unido).
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas