Os parlamentos rexionais europeos respaldan o Xacobeo e animan aos poderes públicos de Europa a “manter vivo o legado dos Camiños de Santiago”

A Conferencia de presidentes de parlamentos rexionais de Europa aprobou unha declaración institucional proposta pola titular do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera
 
Representantes de 74 rexións europeas respaldan o Xacobeo e animan aos poderes públicos de Europa a “manter vivo o legado dos Camiños de Santiago”
 
• Instan ás institucións europeas a conservar e poñer en valor todo o potencial dos Caminos, “parte importante da cultura europea a patrimonio común”
 
• Rojo Noguera aproveitou a súa participación na Asemblea de CALRE para continuar o labor de promoción do Xacobeo e de Galicia
 
Santiago, 5 de outubro de 2010.- A XIV Asemblea Plenaria da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Rexionais Europeos (CALRE) -da que forman parte 74 rexións europeas pertencentes a 8 países diferentes aprobaron hoxe- aprobou hoxe unha declaración institucional na que se plasma un apoio expreso á celebración do Xacobeo 2010 e aos Camiños de Santiago.
 
O documento foi aprobado a proposta da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, que aproveitou a súa participación na reunión de Trento (Italia) para promocionar o Xacobeo 2010 e a Galicia como meta dos Camiños de Santiago, como xa fixera o pasado 20 de setembro, ao reunir en Santiago ao presidentes das cámaras lexislativas autonómicas de España.
 
A declaración recorda as orixes do Camiño de Santiago, “un fenómeno cultural e relixioso sen parangón en Europa desde a Idade Media”, e polo que “fluiron e flúen ideas, culturas, comercio e ata un estilo arquitectónico propio, o Románico”.
 
Apunta tamén que o Consello de Europa ten recoñecido ao
Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo e que a Unesco o declarou Patrimonio da Humanidade, ademais de poñer de manifesto que o próximo Ano Santo Compostelano tardará once anos en celebrarse. Subliña ao mesmo tempo, que o Xacobeo 2010 está a rexistrar unha afluencia de visitantes “nunca antes rexistrada”.
 
Apoio ao Xacobeo e aos Camiños de Santiago
 
Con estes antecedentes, e na liña da declaración promulgada  no seu día polos presidentes de parlamentos autonómicos de España, o Plenario da CALRE expresa o seu “apoio” á celebración do Ano Santo Xacobeo 2010 e reitera o seu respaldo aos Camiños de Santiago, “como parte da historia de España e de Europa, así como patrimonio mundial recoñecido pola Unesco”.
 
Os parlamentos rexionais recoñecen aos Camiños de Santiago e as diferentes expresións asociadas a esta ruta de peregrinación como un “símbolo de espiritualidade, cosmopolitismo, europeísmo e respecto  ás diferentes sensibilidades, culturas e relixións”.
 
A declaración institucional insta ás institucións europeas a “manter vivo o legado dos camiños de Santiago, conservándooos e poñendo en valor todo o seu potencial como parte importante da cultura europea e patrimonio común”.
 
Proxección exterior
 
A xuízo da presidenta do Parlamento de Galicia, a declaración aprobada hoxe en Trento “supón un paso moi significativo na proxección exterior do fenómeno Xacobeo e de Galicia” e enriquecerá “non só a Galicia, senón ao conxunto de Europa, este vello continente que forxou a súa identidade peregrinando a Compostela”.
 
“Agradezo a sensibilidade amosada polos meus homólogos, coñecedores da transcendencia acada pola Ruta Xacobea desde o xa lonxano século IX; e estou segura de que todos e cada un deles se converterán en embaixadores de Galicia e do Xacobeo cando regresen aos seus lugares de orixe”, asevera Pilar Rojo  Noguera.

Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas