Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 17 de decembro de 2014


 
3.3 29543 (09/PNP-002140)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Blanco Paradelo, Moisés, e oito deputados/as máis
 Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego para mellorar nas emerxencias a coordinación entre as entidades dependentes da Administración autonómica e local
 Publicación da iniciativa, BOPG nº 369, do 06.11.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a pór á disposición doutras administracións a rede de emerxencias e seguridade de Galicia, co obxectivo de mellorar a coordinación nas emerxencias, onde en moitas ocasións é precisa unha adecuada coordinación entre entidades dependentes da Administración autonómica e local (deputacións, concellos, consorcios de bombeiros, etc.).»

3.4 30285 (09/PNP-002187)
 Grupo Parlamentario Popular de Galicia
 Puy Fraga, Pedro, e nove deputados/as máis
 Sobre o impulso da Xunta de Galicia, ante a Administración competente, dun estudo das vías de recoñecemento e cualificación legal que inclúan, no ámbito laboral e da Seguridade Social, as singulares estruturas e funcións do deporte non profesional, especialmente no caso de figuras como adestradores, técnicos, monitores ou semellantes
 Publicación da iniciativa, BOPG nº 380, do 26.11.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Impulsar ante a Administración competente a necesidade de proceder ao estudo de vías de recoñecemento e cualificación legal que teñen en conta, no ámbito da laboralidade e da Seguridade Social, as especiais estruturas e funcións do deporte non profesional, especialmente no caso de figuras como adestradores, técnicos, monitores ou similares.
 
2. Que incremente a contía da convocatoria de axudas da Secretaría Xeral para o Deporte aos clubs de base en anos sucesivos ao 2015, incluíndo como gasto subvencionable os custos salariais e da Seguridade Social.»

3.6 30604 (09/PNP-002216)
 Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
 Pombo Rodríguez, Cosme Eladio, e Paz Franco, María Tereixa
 Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Ministerio de Defensa en relación coas condicións de uso do campamento militar de Santa Cruz de Parga, no concello de Guitiriz
 Publicación da iniciativa, BOPG nº 386, do 03.12.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento Galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Defensa para solicitarlle que negocie cos veciños do campamento militar de Parga as condicións de uso deste campamento para que non prexudiquen o desenvolvemento normal das súas vidas.»

 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas