Pilar Rojo: “Un neno pode vivir sen o último trebello electrónico, pero non sen agarimo”

 
• Inaugurou no Parlamento a xornada formativa “A incidencia nos menores da violencia no contorno familiar”, organizada polo Valedor do Pobo, a Secretaría de Igualdade da Xunta e a propia Cámara con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro

Santiago, 21 de novembro de 2014.- Para combatir a violencia contra as mulleres “precisamos como sociedade un baño de inmersión na igualdade. Precisamos que todos nós defendamos unha sociedade igualitaria, unas relacións simétricas de parella equilibradas e unas relacións parentais responsables”.
 
Así o manifestou esta mañá a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na inauguración dunha xornada formativa sobre “A incidencia nos menores da violencia no contorno familiar”, convocada polo Valedor do Pobo coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta, e a propia Cámara lexislativa con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller.
 
As necesidades dos nenos
 
A xuízo de Rojo Noguera, “un neno precisa, arredor de si, unha atmosfera de paz e de amor. Un neno precisa límites, pero sempre con agarimo. Un neno pode vivir sen o último trebello electrónico, pero non sen o agarimo preciso”.
Ao reflexionar sobre o asunto que dá título a esta xornada que se desenvolve durante a mañá de hoxe no Salón dos Reis do Parlamento, Pilar Rojo apuntou que se ben a parella se pode romper, “as relacións parentais non se desfán xamais”.
 
Por esta razón, argumentou, “o día que mudemos o vello concepto decimonónico de patria potestade polo novo de patria responsabilidade, teremos camiñado moito na defensa dos menores”. “Daquela –apuntou- poderemos defender realmente que o seu interese está por riba de calquera outro por moi lexítimo que sexa”.

Imaxes relacionadas