O Parlamento de Galicia acolleu unha sesión plenaria infantil conmemorativa do 25 aniversario da Convención dos Dereitos dos Nenos


• O acto enmárcase na Semana Europea da Democracia Local do Consello de Europa e foi organizado por UNICEF e polo Parlamento de Galicia
 
• O vicepresidente da Cámara, Miguel Santalices, subliña a importancia da Convención dos Dereitos do Neno, pero lembra que aínda hai cativos sen dereitos básicos, como a educación, a liberdade ou un trato digno

Santiago, 20 de novembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu hoxe un Pleno Infantil conmemorativo do 25 aniversario da Convención dos Dereitos dos Nenos.  O acto, organizado por UNICEF e polo Parlamento de Galicia, enmárcase na Semana Europea da Democracia Local do Consello de Europa, baixo o lema “Democracia participativa: compartir, propoñer e decidir”.
 
A través desta iniciativa, vinculada tamén á Presidencia da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa), o Parlamento de Galicia comparte coa Convención dos Dereitos do Neno a visión da importancia que ten capacitar aos cidadáns (neste caso á xuventude) para que poidan exercer a democracia no seu entorno, participando activamente do procesos de toma de decisións que lles afecten e establecendo canles directas de comunicación entre eles e os representantes das institucións públicas.
 
No acto participaron o vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito Cociña; a vicepresidenta segunda da Cámara, María Soledad Soneira; o valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez; xunto con representantes dos grupos parlamentarios, así como alumnos de 1º de ESO de catro centros educativos de Santiago de Compostela (IES Xelmírez I, Colexio La Salle, CPR Manuel Peleteiro e CPR Santa Apolonia).
Varios alumnos destes centros interviron durante o Pleno para propoñer iniciativas coas que mellorar o cumprimento da Convención dos Dereitos dos Nenos no seu entorno e promover o seu dereito a decidir sobre os temas que lles afectan a nivel autonómico.
 
Durante a súa intervención, Santalices lembrou a importancia que tivo que fai 55 anos UNICEF propuxese establecer uns dereitos específicos para a infancia e que en 1989 se asinara a “Convención sobre os dereitos do neno”. Nas súas palabras, estes dereitos ”foron moi importantes daquela para moitos nenos e nenas que, ata entón, carecían de ningún tipo de consideración”. Agregou que en países do terceiro mundo aínda hai moitos nenos que sofren este problema, e para os que hai que “reclamar o dereito á educación ou á liberdade e a un trato digno”.
 
Escoitar aos nenos
 
O vicepresidente da Cámara galega destacou o artigo 12 da Convención dos Dereitos do Neno, que apela á necesidade de dar aos nenos e nenas a oportunidade de ser escoitados directamente ou a través dun órgano apropiado, en todo aqueles procedementos que lles afecten o que, na súa opinión, “ten que ser merecente de aprecio, non se pode falar por falar, non se pode opinar sen ter un criterio elaborado e responsable”.
 
Miguel Santalices lembrou que “esta casa, onde todos falan, onde todo se escoita, onde pleno a pleno toma forma o exercicio democrático de escoitar ao adversario político, tamén se fai o exercicio de ter en conta o que o pobo elixiu coa forza dos seus votos”. Animou aos presentes a que coñeceran “as canles democráticas da representatividade, da forza do voto que pronto exerceredes e da participación, pois o voso dereito a seres escoitados exércese a través dos deputados e deputadas elixidos democraticamente”.
 
Santalices lembrou tamén ás nenas raptadas por Boko Haram, “que foron secuestradas en Nixeria por un grupo terrorista no pasado mes de abril polo simple feito de iren á escola”, e destacou que “combater este tipo de lacras é unha responsabilidade compartida, e cada un de nós debería sentirse obrigado a empregar todos os recursos que teña ao seu alcance para evitalas”.
 
Para finalizar o acto, o vicepresidente do Parlamento de Galicia agradeceu aos presentes a súa asistencia e lembroulles que “calquera día é bo para visitar o Parlamento de Galicia, que tamén é, por suposto, a vosa casa e a cada de todos os nenos e nenas de Galicia”.
 

Imaxes relacionadas