Galicia converterase en capital dos parlamentos rexionais europeos a partir do vindeiro xoves

 

• O Parlamento de Galicia acolle do 6 ao 8 de novembro, o Plenario da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas

• Será inaugurada polo alcalde de Santiago e os presidentes do Parlamento e da Xunta de Galicia

• Incluirá actividades complementarias, como unha conferencia do director xeral da Oficina Europea de Loita contra a Fraude

• Tamén participa o presidente do Comité das Rexións

• Ademais de presidentes de parlamentos rexionais europeos, asistirán responsables de organizacións similares de Estados Unidos, Canadá e Xapón, e a presidenta da Cámara das Rexións do Consello de Europa

 

Santiago, 5 de novembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acollerá entre os días 6 e 8 de novembro a reunión plenaria anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), organización que preside Pilar Rojo este ano.

A Asemblea, que fai a número XVIII da organización, foi presentada esta mañá pola presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE, Pilar Rojo, quen confía  en que a xuntanza, contribúa a acadar  fórmulas que permitan continuar visibilizando o traballo dos Parlamentos rexionais en Europa, “peza fundamental na construción europea de abaixo cara arriba”, fortalecer a democracia parlamentaria e afianzar a interlocución deste lexislativos coas institucións europeas.

Asociacións internacionais

Con ese obxectivo, e de xeito complementario á Asemblea Plenaria, tamén participarán nas actividades programadas  dirixentes das seguintes asociacións internacionais: Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE); Cámara das Rexións do Consello de Europa; Asemblea Nacional de Québec, Rede de Mulleres Parlamentarias da Francofonía (APF) e Asemblea Nacional de Québec no seo da COPA; Conferencia Nacional das Lexislaturas Estatais de EE.UU. (NCSL); e da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses.

Loita contra a Fraude

Na axenda prevista figura tamén o director xeral da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), Giovanni Kessler, que falará sobre “Transparencia e prevención da corrupción: medidas para loitar contra a corrupción a nivel europeo, nacional e rexional”.

A sesión de clausura, prevista para o sábado 8 de novembro,  contará coa intervención do presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrún, dado que CALRE afianzou neste último ano as relacións co CdR, un dos dous órganos consultivos da Unión Europea, xunto co Comité Económico e Social.  

O programa da Asemblea Xeral da CALRE dará comezo o xoves 6 de novembro, pola tarde, cunha sesión do Comité Permanente. A Inauguración oficial será o venres 8 e correrá a cargo ao alcalde de Santiago, o presidente do Comité das Rexións e os presidentes do Parlamento de Galicia e da Xunta.

Nas dúas reunións da Asemblea Xeral (venres e sábado pola mañá), os presidentes participantes tamén elixirán ao presidente da CALRE para o exercicio de 2015, e repasarán o funcionamento dos catro grupos de traballo que integran a organización: subsidiariedade, política de cohesión, e-democracia e inmigración.

Os participantes aprobarán, ademais, unha Declaración Institucional, que se fará pública na derradeira xornada.

Pilar Rojo foi elixida presidenta da CALRE na Asemblea Xeral celebrada en Bruxelas o 22 de outubro de 2013.

A CALRE  foi creada en 1997 e está integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas. Forman parte desta organización as asambleas lexislativas das comunidades autónomas españolas,  consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.


Imaxes relacionadas