O Centro Galego de Barcelona acollerá a mostra do Parlamento sobre os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas

 

• A exposición “51 páxinas das nosas letras” estará aberta ao público do 27 de outubro ao 7 de novembro atendendo a unha petición do Centro Galego de Barcelona

 

• Está organizada pola Cámara Galega coa colaboración da Real Academia e a Xunta de Galicia

 

Santiago,  21 de outubro de 2014.- A exposición “51 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia para poñer en valor as figuras dos escritores e escritoras galegos homenaxeados durante o medio século de historia do Día das Letras Galegas, chegará a vindeira semana a Barcelona, onde estará aberta ao público do 27 de outubro ao 7 de novembro, atendendo unha petición cursada polo presidente do Centro Galego,  Manuel Carrete.

 

A mostra quedará aberta ao público na sede do Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37), onde poderá ser visitada tanto pola ampla colonia galega asentada na cidade condal, como por calquera outra persoa interesada na cultura galega.

 

A exposición, inaugurada inicialmente no Parlamento de Galicia o 2 de decembro de 2013, está integrada por un perfil biográfico de cada un dos homenaxeados desde 1963, cando a Real Academia Galega, por proposta de Francisco Fernández del Riego, instaurou a celebración do Día das Letras Galegas cada 17 de maio.

 

A exposición inclúe tamén un vídeo divulgativo e cadansúa medalla (un altorrelevo en resina), obra do debuxante e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía. Estas medallas forman parte da  colección artística do Parlamento de Galicia.

 

Itinerante

 

A mostra, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia, xurdiu con vocación itinerante e xa foi exposta en  diferentes vilas e cidades galegas, ademais de na Casa de Galicia en Madrid e na sede do Comité das Rexións, en Bruxelas.

 


Imaxes relacionadas