A CALRE reivindica o protagonismo rexional para incrementar a eficiencia das políticas de cohesión

 
• O vicepresidente primeiro do Parlamento, Miguel Santalices, representou a Pilar Rojo na primeira reunión do grupo de traballo da CALRE sobre política de cohesión
 
Santiago, 20 de outubro de 2014.- O vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, representou hoxe á titular da Cámara, Pilar Rojo, na primeira reunión do Grupo de Traballo da CALRE sobre política de cohesión, convocada polo presidente do Parlamento rexional do Veneto (Italia) e celebrada en Venecia.
 
A política de cohesión representa para as diferentes rexións unha “prioridade”, salientou Santalices, xa que desde a súa implantación se ten centrado na supresión das diferenzas territoriais, económicas e sociais, prestando un especial apoio aos territorios menos desenvolvidos.
 
A política de cohesión da UE para o período 2014-2020 dispón dun orzamento total de 450.000 millóns de euros, equivalente a un terzo do orzamento europeo. Por iso, afirmou o vicepresidente do Parlamento de Galicia, “os investimentos da política de cohesión nas nosas rexións para o período 2014-2020, combinadas coas reformas estruturais por país (gobernanza económica da Unión Europea) xogarán un papel clave para apoiar o crecemento e a creación de emprego e para acadar os obxectivos da estratexia Europa 2020 por un crecemento intelixente, sostible e integrador”.
 
Na actualidade, “o reto é asegurar que os recursos distribuídos a tal efecto se usen dun xeito eficiente e eficaz”, insistiu Santalices, convencido de que para acadar este obxectivo “é esencial contar cos niveis de goberno máis próximos aos cidadán, adaptados ás especificidades do territorio e coñecedores das necesidades para lograr un maior impacto desta política”, afirmou Santalices Vieira.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas