Pilar Rojo reclama protagonismo para os parlamentos rexionais nas fases iniciais da programación lexislativa europea

 
• Participou, como presidenta de CALRE, nunha reunión co presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, no marco do “diálogo estructurado” encamiñado a fortalecer as relacións entre a UE e as autoridades rexionais
 
• Reivindica unha “maior dimensión territorial” para a Estratexia Europa 2020
 
Bruxelas, 18 de setembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), defendeu hoxe en Bruxelas o protagonismo necesario dos parlamentos rexionais no proceso lexislativo europeo, para dotalo dunha maior dimensión territorial.
 
Pilar Rojo participou nun xantar de traballo co presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso, e o presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, no que participaron os  responsables das sete principais asociacións locais e rexionais da UE. Tamén participou no encontro Johannes Hahn, comisario saínte de Política Rexional e futuro comisario de Política de Vecindade e  Ampliación.
 
Rojo  explicou que “os parlamentos rexionais con capacidade lexislativa son especialmente relevantes” para contribuír, desde o seu ámbito, a acadar os obxectivos marcados pola Estratexia Europa 2020, incluídos os aspectos referidos ao crecemento e a creación de emprego. Neste contexto,  a presidenta da CALRE considera necesario incrementar a implicación das cámaras lexislativas rexionais  outorgándolles un protagonismo máis directo na programación da lexislación europea desde a súa fase inicial.
 
Dimensión territorial
 
Reivindicou tamén  unha “maior dimensión territorial” para a Estratexia Europa 2020 por entender que “as prioridades deberían fixarse a nivel rexional, diferenciadas por rexións e adecuadas ás súas especificidades”, e considerou “indispensable medir o impacto territorial das políticas da UE cunha dimensión rexional, tanto no proceso pre-lexislativo, como no proceso lexislativo”.
 
Sempre no ámbito europeo, Pilar Rojo destacou que as 74 asembleas rexionais que integran a CALRE teñen especial interese en avanzar no seguimento do principio de subsidiariedade, a execución eficiente e eficaz da política de cohesión, o desenvolvemento dunha política de inmigración común na UE, o desenvolvemento e implementación das novas tecnoloxías da información e comunicación ao servizo da e-democracia e o desenvolvemento de políticas territoriais e do medio ambiente da Unión Europea.
 
“As autoridades locais e rexionais xogan un papel clave para a execución do novo programa da Comisión Juncker”,
afirmou Pilar Rojo.
 
Fortalecer as relacións entre a UE e as rexións
 
O encontro celebrado este mediodía enmárcase no “diálogo estruturado anual” que reúne á Comisión Europea, o Comité das Rexións e as autoridades rexionais e locais como parte dos esforzos encamiñados e fortalecer as relacións entre a UE e os representantes das autoridades locais e rexionais.
 
Na xuntanza celebrada na sede da Comisión Europea tomaron parte os responsables de sete organizacións: a Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE, presidida este ano por Pilar Rojo), Consello de Municipios e Rexións de Europa (CERM), Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM), Asemblea de Rexións de Europa (ARE), EUROCITIES, e a Conferencia de Rexións Europeas con Poder Lexislativo (REGLEG).

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas