Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de setembro de 2014

 


4.4 23420 (09/PNP-001658)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Puy Fraga, Pedro, e oito deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de atención aos doentes que padecen lesións medulares
Publicación da iniciativa, BOPG nº 293, do 21.05.2014

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

 

1. Analizar e avaliar os datos actuais de lesionados medulares, así como a súa localización xeográfica.


 
2. Valorar a posibilidade de realizar o seguimento de coidado a este tipo de pacientes no lugar máis próximo posible ao seu domicilio, garantindo sempre a calidade, a seguridade e o mellor coñecemento da súa patoloxía.

 

3. Implantar o equipo multidisciplinar de atención a lesionados medulares nas instalacións do novo hospital de Vigo.

 

4. Garantir, no caso de que se cree o equipo de atención ás persoas con lesións medulares en tratamento non agudo, que este sexa multidisciplinar e con persoal suficiente para asegurar, cando menos, o mesmo tratamento que recibirían na unidade do CHUAC.

 

5. Dotar un centro público da zona sur de Galicia dun equipo multidisciplinar adecuado para garantir a continuidade nos coidados que requiren os doentes con lesións medulares crónicas.

 

6. Poñer os recursos necesarios para prestar de forma continuada os coidados máis básicos a todo tipo de lesionado medular crónico no punto máis próximo ao domicilio do doente que sexa posible, garantindo a calidade da asistencia e sempre dentro do sistema público».

 


4.5 24869 (09/PNP-001788)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román, e sete deputados/as máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para a emisión pola Administración xeral do Estado dun informe único, no ámbito das súas competencias, para a súa incorporación polos concellos á tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico
Publicación da iniciativa, BOPG nº 317, do 16.07.2014

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que solicite do Goberno do Estado o inicio dos traballos técnicos pertinentes a fin de que a Administración xeral do Estado emita un informe único, no  ámbito das súas competencias, para a súa incorporación por parte  dos concellos no devir da tramitacións dos instrumentos de  planeamento urbanístico.

 

Ademais, na tramitación de tales instrumentos, a Xunta de Galicia solicitará e xestionará ante a Administración xeral do Estado a emisión do informe ou informes que lle corresponda emitir».


 


Imaxes relacionadas