Máis de 6.000 persoas visitaron o Parlamento de Galicia no primeiro semestre de 2014

Un total de 6.200 persoas participaron no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia durante o primeiro semestre de 2014, unha actividade orientada a todos os públicos e que permuite que calquera cidadán que o desexe poda coñecer a sede do lexislativo autonómico.
<p class='clearfix'></p>
• Paralelamente, máis de 7.000 alumnos de ESO e Bacharelato asistiron ás charlas-coloquio ofrecidas por exdeputados nun total de 45 centros no curso 2013-2014

Santiago, 30 de xullo de 2014.- Un total de 6.200 persoas participaron no programa de visitas guiadas ao Parlamento de Galicia durante o primeiro semestre de 2014, unha actividade orientada a todos os públicos e que permuite que calquera cidadán que o desexe poda coñecer a sede do lexislativo autonómico.
 
Os interesados en participar nesta iniciativa poden solicitar unha visita guiada ben a través da páxina web ou chamando por teléfono ao Parlamento de Galicia.
 
No primeiro semestre de 2014, o mes con maior actividade foi abril, no que se rexistraron 1.693 visitas, das que 1.002 corresponderon a alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato.
A visita guiada á sede do Parlamento de Galicia comeza coa proxección dun vídeo e inclúe un percorrido polo Pazo do Hórreo, durante o que os visitantes reciben explicacións sobre a historia e características do edificio -construído a comezos dos século XX para albergar unha Escola de Veterinaria- e sobre a composición e funcionamento do poder lexislativo galego.
 
As charlas-coloquio duplican participantes
 
Esta actividade compleméntase coas charlas-coloquio para estudantes de secundaria, organizadas polo Parlamento de Galicia e pola Asociación de Exparlamentarios-as, que no curso 2013-2014 chegaron a un total de 45 centros, coa participación de máis de 7.000 alumnos, o dobre que no curso anterior.
 
Outras iniciativas de divulgación
 
As iniciativas de divulgación impulsadas polo Parlamento de Galicia inclúen tamén a convocatoria anual dun concurso escolar, a publicación de material bibliográfico específico para estudantes ou a celebración de plenos infantís e xuvenís, entre outros.

 

Imaxes relacionadas