Pilar Rojo intervendrá xunto ao novo presidente do Comité das Rexións nun foro sobre o fortalecemento do papel dos parlamentos rexionais en Europa


• A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE moderará un grupo de traballo sobre relacións interparlamentarias e coas institucións europeas e intervirá nunha mesa redonda sobre o futuro da integración europea e os retos das asembleas rexionais

 

• O foro está organizado polo Comité das Rexións e a universidade de Tubinga co apoio do Goberno rexional de Baden-Wurtemberg

 

Santiago, 1 de xullo de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, participa mañá, na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) nun foro sobre o fortalecemento do papel dos parlamentos rexionais nos asuntos europeos que se celebra en Bruxelas organizado polo Comité das Rexións (CdR) e a Universidade de Tubinga co apoio do Goberno rexional de Baden-Wurtemberg.

 

Entre outras actividades, Pilar Rojo compartirá mesa redonda co recentemente elixido presidente do Comité das Rexións, o belga Michel Lebrun. Esta mesa redonda levará por título “O futuro da integración europea e o reto das asembleas rexionais”.

 

Previamente, Pilar Rojo moderará un grupo de traballo  titulado “Cooeperación e comunicación: relacións interparlamentarias e coas institucións europeas”.

 

O foro titulado “Fortalecer o papel dos parlamentos rexionais nos asuntos europeos: retos, prácticas e perspectivas” ten como obxectivo, seguindo os seus organizadores, incrementar a concienciación sobre o papel e os retos aos que teñen que facer fronte as asembleas lexislativas rexionais europeas no marco do Tratado de Lisboa, que proporciona a estas cámaras novos dereitos e oportunidades nos asuntos europeos. Participarán nestas xornadas académicos, técnicos e responsables políticos

 


 


Imaxes relacionadas