Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de xuño de 2014

 

4.1 7962 (09/PNP-000604)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Dorado Soto, Javier, e Guerra Fernández, Javier Jorge
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego para o mantemento do partido xudicial de Vigo na redacción da futura lei de demarcación e planta xudicial
Publicación da iniciativa, BOPG nº 109, do 28.05.2013

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

 

1. Realizar as xestións necesarias xunto co Ministerio de Xustiza do Goberno de España a fin de que na redacción que se faga da Lei de demarcación e planta xudicial se manteña o partido xudicial de Vigo como partido xudicial propio.

 

2. Facer a defensa do mantemento do partido xudicial de Vigo perante o Ministerio cando sexa consultado sobre o tema.

 

3. Manifestar a rotunda oposición á implantación de unicamente catro tribunais de instancia provinciais, así como a supresión dos actuais partidos xudiciais nas vilas que son cabeceiras de comarca, das cidades galegas que non son capitais de provincia e, singularmente, da cidade de Vigo».


 
4.2 21632 (09/PNP-001492)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Camino Copa, Angel, e tres deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co patrimonio arqueolóxico, histórico e cultural dos concellos lucenses do Incio, Samos e Sarria
Publicación da iniciativa, BOPG nº 269, do 09.04.2014

 

O texto aprobado é o seguinte:

 

«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:

 

1. Desenvolver cantas accións sexan precisas para a creación dun itinerario de interese cultural, ou figura equivalente, nos concellos lucenses de Sarria, Samos e O Incio, vinculado á zona arqueolóxica da Serra de Santa Mariña, ao xacemento castrexo de Formigueiros, ao santuario de San Eufrasio e á igrexa do Hospital.

 

Incluír no itinerario de interese cultural que se proxecta a ruta de sendeirismo que dende o Castro de Formigueiros, alto do Carballal e Carreira da Auga, conduce a Samos, exhortando a administración titular a que garanta o estado da súa transitabilidade.

 

2. Impulsar as medidas de identificación, sinalización e divulgación deste itinerario de interese cultural, polos medios que se estimen máis acaídos. Entre outras accións, realizaranse as publicacións necesarias para que, ademais de dar a coñecer cada un destes recursos patrimoniais, acade sentido a súa reunión nun mesmo itinerario dentro da evolución histórica da zona. Para a promoción deste itinerario, a Xunta de Galicia utilizará todos os seus recursos, ademais da rede de albergues de competencia autonómica e da Administración estatal, despois dos acordos necesarios.

 

3. Analizar se procede impulsar, ao abeiro do establecido na lei do patrimonio cultural de Galicia, a declaración como Ben de Interese Cultural para o Castro de Formigueiros, situado na parroquia do mesmo nome do concello de Samos, e, de ser o caso, proceder á máis pronta posible incoación do correspondente expediente para a súa declaración.

 

4. Desenvolver e apoiar as iniciativas que fomenten a difusión, posta en valor e coñecemento entre a cidadanía da existencia da Serra de Santa Mariña, catalogada como zona arqueolóxica».

 

 


Imaxes relacionadas