Pilar Rojo defende o futuro da UE como “símbolo de paz” fronte á “vella Europa das guerras e os desacordos”

 
• A presidenta da Cámara galega representa aos parlamentos rexionais europeos no foro de representantes de Gobernos locais de Taiwán, onde explicou o funcionamento da CALRE, que preside este ano
 
• A nova estratexia da UE para Asia pretende intensificar as relacións con esa área xeográfica e promover o coñecemento mutuo

Santiago, 7 de xuño de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da Conferencia de Asembleas Rexionais Europeas (CALRE) fixo hoxe en Taiwán unha defensa do proceso de integración europea, defendeu o protagonismo dos lexislativos rexionais na formación do Dereito da Unión e valorou os esforzos de achegamento aos países asiáticos.
 
Rojo Noguera participa  no  Foro comunitario de representantes de gobernos locais, que se celebra en Taipei (Taiwán),ao que asiste como convidada na súa condición de presidenta da CALRE. Na súa intervención, a presidenta do Parlamento de Galicia explicou os obxectivos e o funcionamento da CALRE (fundada en 1997 e integrada actualmente por 74 asembleas rexionais de 8 países da UE que representan a máis de 200 millóns de habitantes), así como os avances rexistrados no referido ás demandas dos parlamentos rexionais.
 
Alerta temperá desde os parlamentos rexionais
 
Así, o Tratado de Lisboa, que entrou en vigor en 2009, estableceu o sistema de alerta temperá, que permite aos parlamentos rexionais abordar  as iniciativas lexislativas europeas nunha fase inicial para determinar se vulneran ou non competencias rexionais. Entre as materias pendentes citou o dereito de acción directa ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que pode exercer o  Comité das Rexións, pero non os parlamentos rexionais.
 
Sinalou que a estratexia da CALRE nos últimos anos busca incrementar a representatividade das institucións que a integran ante as institucións europeas, co obxectivo de poder influír no proceso lexislativo europeo.
 
As recentes Eleccións ao Parlamento Europeo poñen de manifesto, en opinión de Pilar Rojo, a necesidade de que os diferentes integrantes da CALRE contribúan a concienciar aos cidadáns para superar os elevados niveis de abstención que caracterizan estes comicios de cara a “reforzar a lexitimidade democrática da UE”. “Os parlamentos rexionais desempeñan, pola súa proximidade ao cidadán, un papel esencial á hora de promover unha maior participación nos asuntos europeos e de achegar Europa aos cidadáns”, apuntou.
 
Europa como símbolo de paz
 
“Desde a CALRE –afirmou Pilar Rojo- achegamos a realidade dunha Europa que fala e non agrede, dunha Europa que defende a palabra de todos e cada un dos países que representa, deixando atrás a idea da vella Europa das guerras e os desacordos. O conxunto dos países que integramos a Unión Europea constituímos un espazo de paz, formado por comunidades que optan polo diálogo fronte ás agresións e tensións de antano”.
 
“E por iso – agregou-, reivindico o futuro de Europa e das súas institucións”. Para a presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE, os feitos que están a rexistrarse na fronteira oriental de Europa constitúen “un vivo exemplo que debería facernos reflexionar sobre a oportunidade ou non do proceso de construción europea”.  Nesta liña, enfatizou que “creemos en máis Europa como símbolo de paz”.
 
Intensificar a relación con Asia
 
Rojo Noguera aproveitou a súa intervención para recordar que a nova estratexia da UE para Asia busca intensificar as relacións políticas e de seguridade, o comercio e os fluxos de investimento bilateral.
 
“O impulso da sociedade civil e o diálogo entre Asia e Europa debe fomentar a democracia, a boa gobernanza e o Estado de Dereito”, ámbitos que Pilar Rojo destacou como “prioritarios” para a CALRE e polos que aceptou  a invitación formulada polos organizadores deste foro.
 
Participantes
 
Rojo Noguera comparte foro co presidente da Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais de Estados Unidos (NCSL); o presidente da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses; o ministro do Interior de Taiwán; así como con profesores universitarios, lexisladores e diversos representantes da Administración taiwanesa.
 
No coloquio posterior ao seu relatorio, Pilar Rojo respondeu a diferentes cuestións sobre o funcionamento dos parlamentos rexionais europeos e sobre o modelo autonómico español, unha realidade que esperta interese en Asia. De feito, recentemente, o Parlamento de Galicia ten recibido a visita de delegacións de China, Indonesia, Xapón ou Filipinas, interesados en coñecer de preto o sistema autonómico galego.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas