Pilar Rojo anima á comunidade educativa e ás familias a visitar a mostra “51 páxinas das nosas letras” aberta ao público desde hoxe en Ferrol

 
• A exposición, organizada polo Parlamento rende homenaxe aos autores aos que se dedicou o Día das Letras Galegas desde hai 50 anos
 
• A colaboración entre o Parlamento, a Real Academia Galega e a Xunta para organizar esta mostra  supón, a xuízo de Rojo Noguera, un exemplo de colaboración
 
Santiago, 21 de febreiro de 2014.- O Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia de Ferrol amosa desde hoxe a exposición “51 páxinas das letras galegas”, unha mostra organizada polo Parlamento de Galicia para render homenaxe aos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde súa a instauración, no ano 1963.
 
No acto inaugural, a presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, animou a todos os ferrolás a visitar a exposición, e moi especialmente aos mestres e mestras, para que leven aos seus alumnos e alumnas a coñecer a mostra; e aos pais e nais, para que fagan o mesmo cos seus fillos e fillas.
 
A mostra continúa en Ferrol o seu percorrido pola xeografía galega logo dunha primeira estadía na sede da Cámara lexislativa autonómica, desde onde foi trasladada á Coruña.
Obras de Siro López e Ferreiro Badía
 
A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.
 
Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e que está orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a
cada peza. 
 
Complétase a mostra con paneis que dan conta das  biografías e as principais obras dos autores, textos elaborados por diferentes académicos da RAG na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia.
A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta de Galicia- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras Galegas, en 1963, “o que lle confire un valor especial a este documental”, en opinión de Pilar Rojo.
 
Colaboración exemplar
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia agradeceu tamén a colaboración brindada pola Fundación Novacaixagalicia e polo Club de Prensa de Ferrol para poder amosar a exposición nesta cidade.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas