Pilar Rojo felicita ao titular da Asemblea de Madrid pola súa elección como presidente da COPREPA 2014

 
• O Plenario anual de COPREPA organizado pola Cámara das Illas Baleares rematou coa aprobación dunha declaración institucional que reivindica aos  parlamentos autonómicos como  “referente na arquitectura do sistema político”
 
• O novo presidente da COPREPA compromete toda a súa colaboración co traballo da Conferencia de Asembleas Rexionais Europeas, que este ano preside Pilar Rojo

Santiago, 18 de xaneiro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, felicitou ao titular da Asemblea de Madrid, José Ignacio Echevarría, pola súa elección, esta mañá, como presidente da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos (COPREPA) para o ano 2014.
 
Coa elección de Echevarría rematou a Asemblea Anual de COPREPA que se celebrou desde onte en Palma de Mallorca e que esta mañá aprobou unha declaración institucional que reivindica o papel dos parlamentos autonómicos como “referente na arquitectura do sistema político, pois é neles onde a cidadanía se ve representada de maneira obxectiva e cercana”. Os parlamentos autonómicos, continúa a declaración,  revélanse como “o órgano central no control dos executivos e en cualificado altavoz da opinión pública, tanto nas cuestións destacadas da axenda política, como dos asuntos de interese xeral”.
 
Necesidades de autogoberno
 
A xuízo dos presidentes participantes no Plenario anual da COPREPA, “os parlamentos responden ás necesidades de autogoberno das Comunidades Autónomas, desde unha concepción democrática da representación e das súas funcións. Asumen, así, o reto da lexislación de calidade e de control, todo elo ao servizo do interese xeral”.
 
Na  mesma declaración institucional, os presidentes dos parlamentos autonómicos asumen a necesidade de continuar traballando desde as cámaras para mellorar a situación económica das Comunidades Autónomas e protexer os dereitos sociais.
 
Comprométense tamén os integrantes de COPREPA a impulsar actividades dirixidas á infancia e á xuventude para acadar unha maior difusión da práctica parlamentaria.
Diálogo e consenso
 
Na mesma declaración, os presidentes dos parlamentos autonómicos  avogan por “seguir apostando para conseguir o máis elevado nivel de diálogo e consenso entre os diferentes grupos parlamentarios que conforman as Cámaras autonómicas para aunar esforzos que dean resposta ás necesidades reais que plantexa a sociedade”.
 
Consideran tamén necesario “profundizar na mellora do índice de transparencia dos parlamentos autonómicos para o bo goberno das nosas institucións”, ao tempo que amosan a intención de promover accións dirixidas a “aumentar a participación cidadá nos parlamentos autonómicos, aproveitando os recursos que ofrecen as tecnoloxías da información”.
 
Constatan tamén os presidentes dos parlamentos autonómicos a “vixencia e importancia” da COPREPA e apostan por fomentar o intercambio de experiencias lexislativas entre cámaras autonómicas.
 
Na declaración institucional aprobada esta mañá, os presidentes de Parlamento autonómicos consideran necesario “profundizar na mellora dos canais de intercambio” entre as cámaras autonómicas e as diferentes institucións europeas a través da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), que este ano preside Pilar Rojo.
 
Neste sentido, na súa comparecencia pública, o presidente de COPREPA 2014, José Ignacio Echevarría, comprometeu toda a súa colaboración co traballo da CALRE e felicitouse polo feito de que este ano estea presidida por Rojo Noguera.

Eleccións ao Parlamento Europeo
 
O derradeiro dos puntos da declaración institucional da COPREPA destaca a relevancia da participación nas próximas eleccións ao Parlamento Europeo, “pola importancia que a dita institución e a normativa comunitaria por ela probada ten sobre as Comunidades Autónomas e a cidadanía en xeral”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas