Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 18 de decembro de 2013


3.1 13762 (09/PNP-000976)
Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa Fundación Novacaixagalicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 184, do 23.10.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia acorda expresar, en relación co Padroado da Fundación especial Novacaixagalicia, que:
 
1. O padroado sexa profesional, onde se escollan persoas de valía no eido da cultura, a formación, a acción social ou a economía; non remunerado e que participen na súa designación o Parlamento de Galicia, as entidades locais galegas, incluíndo as fundadoras, a Xunta de Galicia e os traballadores da Fundación.
2. Non teña acceso a este padroado ningunha persoa que teña sido membro dos consellos de administración das antigas caixas de aforros galegas.
3. Para os efectos de coñecer e analizar as decisións adoptadas no período da transformación da caixa en fundación, o Goberno galego compareza perante a Comisión 3ª do Parlamento de Galicia.
4. Se solicite do novo padroado que no prazo de tres meses dende a súa constitución presente un plan estratéxico que garanta a viabilidade futura da obra social e do emprego».
 
 
3.6 15689 (09/PNP-001104)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Gómez Alonso, Alejandro, e tres deputados máis
Sobre o impulso do desdobramento do corredor do Morrazo coa priorización do itinerario entre Rande e Cangas
Publicación da iniciativa, BOPG nº 209, do 05.12.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a continuar co impulso do desdobramento do corredor do Morrazo coa priorización do itinerario entre Rande e Cangas, axilizando a adxudicación dos proxectos construtivos dos dous tramos xa licitados, co obxectivo de poder iniciar as obras antes de que remate a actual lexislatura».
 
3.7 15907 (09/PNP-001118)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel, e trece deputados máis
Sobre o Programa temporal para o fomento do emprego e posta en valor do territorio anunciado pola Deputación Provincial de Lugo
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 209, do 05.12.2013
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse á Deputación Provincial de Lugo para que, en atención ás demandas dos concellos lucenses, rectifique e modifique as bases que regulan o Programa temporal de fomento do emprego e posta en valor do territorio e garanta a equidade e a igualdade de oportunidades dos desempregados lucenses e non exclúa ningún municipio da provincia da posibilidade de participar no proceso de selección desta convocatoria».
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas