Pilar Rojo: “Debemos revalorizar a actividade política e actuar de forma ímproba para ser exemplo que permita restablecer a confianza”

• Nunha conferencia organizada por Nueva Economía Fórum, a presidenta do Parlamento de Galicia reivindica a  plena vixencia da institución, pola súa capacidade para ofrecer ás persoas unha “adecuada resposta ás súas necesidades de representación no século XXI”
 
• Aposta polo achegamento aos cidadáns e a transparencia como fórmulas para reforzar a lexitimidade social do Parlamento
 
• Recorda o intenso traballo desenvolvido pola Cámara autonómica e a política de control do gasto da institución, que lle permitiu aforrar case 7 millóns de euros na pasada lexislatura

Santiago, 13 de decembro de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, considera que “debemos revalorizar a actividade política, encadrada no interese xeral, e actuar de forma ímproba, para ser exemplo que permita restablecer a confianza pública”.
 
A titular do lexislativo galego fixo estas declaracións nunha conferencia organizada por Nueva Economía Fórum e celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, na que foi presentada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
“A honestidade é unha aposta segura para incrementar a responsabilidade social”, afirmou a presidenta do Parlamento galego, quen tamén defendeu a necesidade da política para “agregar vontades e ofrecer solucións ás demandas de interese xeral”.
 
Pilar Rojo reivindicou a plena vixencia da institución parlamentaria, pola súa capacidade para ofrecer ás persoas unha “adecuada resposta ás súas necesidades de representación no século XXI”, pero tamén recoñeceu a necesidade de seguir propiciando un achegamento aos cidadáns. “Non é un simple compromiso desta presidencia –aclarou-, senón un convencemento moral como responsable pública”.
 
“A comunicación coas persoas debe ser fluída e permanente, intensa e continua, áxil e dinámica. Deste xeito –agregou-poderemos coñecer as súas inquedanzas e articular un mecanismo de retroalimentación”.
 
Nesta liña, Pilar Rojo referiuse tamén ao deber de transparencia porque, ao seu xuízo, “os representantes políticos debemos render contas do noso labor e eliminar calquera indicio de opacidade”. Neste ámbito, referiuse ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, por permitir poñer a disposición da opinión pública un elevado volume de información e documentos “antes inimaxinable”. Por iso, “o Parlamento usa as tecnoloxías dixitais para impulsar o seu carácter de órgano de deliberación e de publicidade, de xeito que a opinión pública coñeza con todo o detalle que requira o que na Cámara acontece”.
 
Esta aposta pola transparencia e o achegamento aos cidadáns enmárcanse nos principios de “pluralismo e participación”, ao tempo que forma parte dun proceso que, a xuízo da presidenta do Parlamento de Galicia, “conseguirá aumentar a nosa lexitimidade”, “pero para ter éxito neste cometido é imprescindible tamén un axeitado funcionamento da cortesía parlamentaria”.
 
Traballo intenso e produtivo
 
Recoñeceu que, nalgunha ocasión, a Cámara galega “foi escenario de momentos convulsos que ningún favor lle fixeron á institución, e ao parlamentarismo no seu conxunto. Estou convencida, con todo, que feitos puntuais non escurecerán o labor de conxunto dunha lexislatura que estará marcada, con toda seguridade, por un traballo intenso e productivo”.
 
Recordou a presidenta da Cámara que xa na VIII Lexislatura o Parlamento de Galicia foi, con preto de 1.200 horas de debate en Pleno, a Cámara lexislativa autonómica máis laboriosa, “e as estatísticas apuntan que nesta IX Lexislatura seguiremos liderando ese traballo”.
 
Como exemplo, a presidenta da Cámara recordou que nas 27 sesións plenarias celebradas no que vai de lexislatura, se aprobaron un total de 10 leis (que sumarán 14 despois dos plenos da vindeira semana, incluíndo dúas leis de orzamentos nun ano), 177 proposicións non de lei en Pleno, 51 interpelacións, 47 mocións, 30 comparecencias do Goberno, 48 preguntas ao presidente da Xunta e 134 preguntas ao resto do Goberno. Entre outros datos, apuntou tamén que se teñen celebrado preto de 300 reunións das diferentes comisións.
 
“Propostas e solucións aos problemas da xente”
 
Trátase, en opinión de Pilar Rojo, “non só de datos cuantitativos, meros datos asépticos e impersoais”, senón que “reflexan propostas e solucións concretas para os problemas da xente”. “Falamos –agregou- de moitas iniciativas, de moito traballo, pero tamén de máis acordos dos que en ocasións perciben os cidadáns”.
 
Insistiu, nesta liña, en que “se en calquera momento son necesarios os acordos e o consenso, no contexto actual resultan imprescindibles: porque os cidadáns así o reclaman e porque canto máis sumemos, máis doado resultará saír da crise na que nos atopamos”.
 
Aforro e reducción presupostaria
 
Destacou tamén a presidenta do Parlamento a xestión económica desenvolvida pola Cámara, que nun contexto de control do gasto, logrou aforrar preto de 7 millóns de euros na pasada lexislatura, pese a que o presuposto da institución se reduciu en 2,1 millóns de euros entre 2009 e 2012. E o orzamento da Cámara descenderá un 3,5% en 2014 respecto ao deste exercicio, sen que iso afecte ao traballo parlamentario, dado que se seguirá buscando  a “eficiencia e a optimización dos recursos”.
 
Pilar Rojo amosouse confiada en que a súa recente elección como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE) sirva para impulsar a imaxe do Parlamento de Galicia. Esta elección, por unanimidade, “honra á Cámara autonómica e, sobre todo, honra a Galicia, na medida en que recoñece, pola vía dos feitos, a credibilidade e o respecto acadado por esta Comunidade no exterior, ao tempo que pon en valor a plena vixencia do parlamentarismo democrático”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas