Pilar Rojo: “A Carta Magna posibilitou a verdadeira modernización de España e foi quen de conxugar a unidade do conxunto e a autonomía dos territorios”

 A presidenta do Parlamento de Galicia participou no acto institucional de conmemoración do XXXV Aniversario da Constitución española organizado pola Delegación do Goberno
 
Santiago, 5 de decembro de 2013.- “Fronte aos que tratan de rachar a Constitución de 1978 debemos manifestar o noso máis forte compromiso con ela”, afirmou esta mañá a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, no acto institucional de conmemoración do XXXV Aniversario da Constitución Española, celebrado na sede da Delegación do Goberno en Galicia, na Coruña.
 
Pilar Rojo subliñou que “esta Carta Magna posibilitou a verdadeira modernización de España e foi quen de conxugar a unidade do conxunto e a autonomía dos territorios. A fórmula de diálogo que alí se contén cobra singular forza na actualidade, tan proclive a instrumentos de democracia deliberativa. Polo tanto, rexeitamos opcións disgregadoras, que só traerán inxustiza social e insolidariedade”.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento felicitou aos condecorados no transcurso do acto, destacando que os feitos que motivaron estes recoñecementos son propios de persoas capaces de antepoñer o ben común ao interese individual.
 
Respaldo maioritario
 
Recordou Rojo Noguera que a Constitución española foi ratificada por unha “amplísima maioría” e que a forma de convivencia instaurada daquela “chega ata nós con toda a forza da súa lexitimidade”.
 
“Máis Europa”
 
“Grazas á Constitución de 1978, España situouse no selecto grupo das sociedades democraticamente avanzadas”, aseverou a presidenta do Parlamento de Galicia, que na súa condición de presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) reivindicou a bondade de “facer máis Europa”.
 
“Máis Europa é tamén máis Galicia e máis España –apostou- nun momento en que debemos sumar e non restar, en que temos que asumir a responsabilidade histórica ante a cal nos atopamos, nunha época en que hai que apostar pola integración sobre a base do interese xeral”.
 
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

 

Imaxes relacionadas