O Parlamento de Galicia inaugura este luns unha mostra sobre os autores homenaxeados desde a instauración do Día das Letras Galegas

 
• A exposición, organizada pola Cámara Galega coa colaboración da Real Academia e a Xunta de Galicia, xurde con vocación itinerante

Santiago, 1 de decembro de 2013.- O Parlamento de Galicia inaugura este luns, 2 de decembro, ás 19,30 horas, a exposición “51 páxinas das nosas letras”, unha mostra que xurde para poñer en valor as figuras dos escritores e escritoras galegos homenaxeados desde o ano 1963, cando a Real Academia Galega, por proposta de Francisco Fernández del Riego, instaurou a celebración do Día das Letras Galegas cada 17 de maio.
 
A mostra, que quedará aberta ao público na sede do lexislativo galego, está integrada por un perfil biográfico de cada un dos homenaxeados durante este último medio século, un vídeo divulgativo e cadansúa medalla (un altorrelevo en resina), obra do debuxante e caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro Badía. Estas últimas forman parte da  colección artística do Parlamento de Galicia.
 
O acto inaugural contará coa intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
Entre outros invitados, asistirán familiares de algúns dos persoeiros que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas.
 
Itinerante
 
A mostra, organizada polo Parlamento de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia, nace con vocación itinerante, xa que está previsto que poda ser visitada en diferentes localidades.
 
 
 
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do  Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas