O Parlamento de Galicia acolle esta semana un foro sobre a innovación como motor de progreso na sanidade


• Está organizado polo Centro de Estudos de Políticas Públicas e de Goberno da Universidade de Alcalá e enmárcase na aposta por abrir o Parlamento á sociedade
 
• Contará coa participación de numerosos expertos, tanto galegos, da USC e do CHUS, como nacionais e internacionais, de Columbia e de Harvard

Santiago, 29 de setembro de 2013.- O Parlamento de Galicia acollerá os vindeiros días 3 e 4 de outubro, un foro titulado “A Innovación como motor de progreso en Sanidade”, unha actividade organizada en colaboración co Centro de estudos de Políticas Públicas e Goberno da Universidade de Alcalá, que contará coa participación, como relatores, de expertos nacionais e internacionais.
 
Esta actividade enmárcase na aposta encamiñada a abrir o Parlamento de Galicia ao conxunto da sociedade.
O acto inaugural do foro, previsto para a mañá do xoves, 3 de outubro, contará coa participación da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o reitor da Universidade de Alcalá, Fernando Galván; e o director do curso, Enrique Castellón.
 
Durante as dúas xornadas, estruturadas en relatorios e paneis de debate, abordaranse aspectos como o futuro do coñecemento e praxe médica; a evolución e os cambios na práctica médica derivados da evolución da tecnoloxía, novas terapias oncolóxicas, tecnoloxías e cambios organizativos, xenética, terapia e práctica médica, ou novos modelos de asistencia.
 
Entre os ponentes figuran expertos pertencentes a empresas, hospitais e universidades galegas, españolas e estranxeiras.
 
Expertos
 
Os relatorios correrán a cargo de Rafel Yuste, profesor de Neurociencia da Universidade de Columbia; José María Mato, director xeral e director científico de CIC Biogune; Gabriel González Pavón, de CEO Oncovisión; Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); Julio Mayol,  director de Innovación e da División de cirurxía colorrectal do Hospital Clínico San Carlos; Blanca Miranda, directora do Biobanco do Sistema Sanitario Público de Andalucía; María José Alonso, catedrática de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela; José Castillo, coordinador de Neurociencias do CHUS; William Haseltine, profesor na Harvard Medical School e fundador e CEO de Human Genome Sciences; José Colás, presidente de Medtronic España&Portugal; Javier Maldonado, director xerente do Hospital Ramón y Cajal de Madrid; Pedro Rico, director médico corporativo do Grupo Hospitalario Quirón; e César Sanz, director médico de MSD.
 
 
 
 
Saudos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas