O Parlamento de Galicia agradece a participación das persoas que asistiron á homenaxe dedicada ás vítimas do accidente ferroviario

Santiago, 31 de xullo de 2013.- O Parlamento de Galicia agradece a asistencia de todas as persoas que esta tarde participaron no acto de homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Santiago de Compostela, celebrado no antigo cemiterio de Bonaval, e organizado pola Cámara galega coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
 
Durante o acto escoitáronse interpretacións musicais a cargo do gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a vocalista Uxía, e da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, intercaladas con momentos de silencio.
 
Tamén se recordaron, unha a unha, as 79 vítimas que perderon a vida no accidente. Para representar a todas as partes, tomaron a palabra tres persoas: unha muller que perdeu ao seu home no accidente, o presidente da Asociación de Veciños de Angrois e unha psicóloga que participou na atención ás vítimas.
 
O acto pechouse coa lectura de dous poemas e a  interpretación do himno galego.
 
O Parlamento de Galicia agradece tamén o traballo de todos os que colaboraron na organización e desenvolvemento deste acto e, de maneira especial, aos presentadores do mesmo –Rosa Castro e Francisco López Iglesias- a Xosé Manuel Budiño e a Uxía, á Real Filharmonía de Galicia, a Maximino Zumalave e ás persoas que tomaron a palabra no acto.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas