Proposicións non de lei aprobadas na Comisión 7ª, Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, 25-06-2010

A Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes, na reunión do 25 de xuño de 2010, adoptou os seguintes acordos:
 
Aprobación por unanimidade con modificacións:
 
- 08/PNC-0528 (20273) Grupo Parlamentario Popular de Galicia Álvarez Chao, María Emma e 6 deputados máis Sobre as actuacións para levar a cabo co fin de que na etiquetaxe de trazabilidade da carne se incorpore a comunidade autónoma ou a provincia onde se criou e cebou o animal  BOPG núm. 165, do 05.02.2010 
 
O texto aprobado é o seguinte: 
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a: 
 
1. Demandar da  Administración xeral do Estado a modificación da normativa par esixir que no etiquetado de trazabilidade de carne se incorpore a Comunidade Autónoma ou a provincia onde naceu e se cebou o animal. 
2. Primar nas ordes de axuda ás industrias cárnicas ao matadoiros que opten por ampliar o etiquetado coa Comunidade Autónoma de procedencia en todas as ordes de axudas procedentes da Xunta de Galicia, en detrimento daquelas outras que non o fagan. 
3. Impulsar a posta en marcha efectiva do label VAC1 rexistrado, así como do Prego de condicións establecidas, co fin de analizar a súa viabilidade, consensualo co sector e poñelo en marcha se se considera oportuno. 
4. Seguir apoiando campañas de divulgación e sensibilización acerca das cualidades da carne de vacún procedentes de animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia que conten con distintivos de calidade, poñendo en valor a súa procedencia, a súa alimentación, así como as cualidades organolépticas e os seus beneficios para a saúde humana." 
 
 
- 08/PNC-1010(37821) Grupo Parlamentario Popular de Galicia Oubiña Solla, Rosa e 4 deputados máis Sobre a articulación de medidas específicas para impedir a inclusión do nome da variedade de uva na etiquetaxe dos viños que, non superando os controis establecidos polas denominacións de orixe correspondentes, se comercialicen como viños de mesa BOPG núm. 253, do 16.06.2010 
 
O texto aprobado é o seguinte: 
 
"O Parlamento insta a Xunta de Galicia: 
 
1. A que se articulen medidas específicas no ámbito das súas competencias, que non permitan incluír na etiquetaxe o nome da variedade de uva, naqueles viños que non superando os controis establecidos polas Denominacións de Orixe correspondentes, sexan comercializados como viños de mesa. 
2. A que, coa finalidade de darlle concreción definitiva ás demandas do sector do viño, que xa foran explicitadas ante o MARM, realice as xestións necesarias para que, atendendo ao establecido no artigo 60, punto2, letra b) do Regulamento (CE) 479/2008 da OCM (Organización Común do Mercado) vitivinícola, se exclúa da etiquetaxe dos viños sen D.O., agora D.O.P. ou I.X.P., naqueles casos nos que non as tivesen recoñecidas nos seus regulamentos con anterioridade á aprobación da O.C.M., as seguintes variedades vitícolas galegas segundos estes dous niveis: 
1) Albariño, treixadura, godello, mencía, por seren fundamentais para evitar a confusión ao consumidor. 
2) Loureira, ferrón caíño, torrontés, dona branca, brancellao, merenzao, sousón, espadeiro, nestes casos pola súa vinculación a un territorio e por representar unha parte moi pequena da produción do Estado español."

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2010

Imaxes relacionadas