Declaración institucional en defensa do sector naval galego

Parlamento de Galicia, 10 de xullo de 2013

O futuro do sector naval galego e o do conxunto do Estado está en risco. Tan só en Galicia 14.000 empregos directos e unha voluminosa industria auxiliar corren o risco de desaparecer se o comisario da Competencia, o español Joaquín Almunia, decide materializar a súa ameaza de que España deberá devolver as axudas do tax lease que a Comisión Europea considerou axudas de Estado tras a denuncia en 2006 dos estaleiros holandeses.
 
A anunciada decisión desfavorable da Comisión Europea en relación ao tax lease suporía pechar o sector industrial naval, cunha Navantia que se atopa hoxe en día sen carga de traballo e sen dique flotante. O sector naval na ría de Vigo (que concentra o 65 % dos investimentos  financiados coa modalidade do tax lease) perdeu desde 2008 o 80 % do emprego, o que supuxo a destrución de 10.800 postos de traballo, namentres as industrias auxiliares do naval ferrolterrán despediron uns 2.300 traballadores e traballadoras; despedimentos que contribúen a provocar  máis paro noutros sectores produtivos ao se deprimir a actividade económica nunha magnitude que se aproxima aos 30.000 empregos destruídos de xeito adicional.
 
As traballadoras e traballadores galegos, así como os do Estado, si saben facer ben o seu traballo, con produtos de alto valor engadido quen de satisfacer a demanda  máis esixente nos mercados internacionais, e de facelo  cunha elevada produtividade e incorporando as máis modernas tecnoloxías.

Un sector industrial clave para Galicia e o Estado español sofre unha ameaza mortal por carecer dun mecanismo de financiamento que sitúe os nosos estaleiros en condicións semellantes ás do resto dos Estados da UE e outrosí de padecer as incertezas derivadas do expediente aberto pola Dirección Xeral da Competencia,  que poñen en cuestión a modalidade do tax lease.
 
Esta decisión obrigaría a devolver arredor de 2.000 millóns de euros en axudas percibidas polo sector naval español desde o ano 2005 en adiante, o que abocaría directamente á ruína un sector industrial vital para Galicia e o conxunto de España, que exporta o 90 % do que produce, cunha elevada capacidade tecnolóxica, punteiro no contexto internacional e con capacidade de xerar novos postos de traballo de xeito inmediato. Ademais, supoñería o incremento das xa preocupantes cifras de desemprego; e a perda de miles de postos de traballo focalizaríase en tres comunidades autónomas: Galicia, País Vasco e Asturias.
 
Sendo xa suficientemente relevantes as dramáticas consecuencias industriais, económicas e laborais que tería no contexto actual de recesión en toda Europa, son aínda máis contundentes os argumentos legais achegados por España ao longo do procedemento, baseados na seguridade xurídica que amparou todas as operacións realizadas.
 
Unha eventual decisión de reembolso das supostas axudas suporía un grave trato discriminatorio de España respecto de Francia, que nun expediente similar foi eximida de devolver as axudas pola aplicación do principio de seguridade xurídica, que contundentemente foi demostrado por España. Se nese momento o argumentado por Francia foi válido para a Comisión Europea, agora debería aplicarse o mesmo criterio, e non outro.
 
O Parlamento de Galicia declara que o sector naval é un sector industrial estratéxico de vital importancia económica para Galicia, e por iso insta para que se reconsidere a proposta avanzada polo comisario da Competencia co obxecto de que non se esixa o reembolso con carácter retroactivo das bonificacións fiscais percibidas de acordo coa lexislación española. Contamos con sólidos argumentos xurídicos que avalan esta petición, pero tamén coa firme convicción de que a Comisión Europea non pode permitirse afundir todo un sector industrial dun Estado membro, cuxas consecuencias multiplicarían a recesión económica e o grave problema do desemprego, particularmente en Galicia.

Imaxes relacionadas