Pilar Rojo aposta por “comparar” e “tomar exemplo” dos diferentes modelos institucionais para mellorar a xestión

Inaugurou esta mañá, acompañada pola presidenta da CALRE, unha Xornada técnica sobre Modelos Institucionais Rexionais – Democracia Rexional
 
Santiago, 8 de xuño de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, afirmou esta mañá que “da comparación dos diferentes modelos institucionais implantados no noso entorno podemos tomar exemplo para mellorar, en termos de eficacia e eficiencia, a xestión cotiá das nosas respectivas institucións”.
 
Pilar Rojo facía esta reflexión no acto inaugural dunha xornada técnica  sobre “Modelos Institucionais Rexionais – Democracia Rexional”, enmarcada no programa do grupo de traballo que a Cámara galega coordina no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE), na que tamén colabora a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).
 
Rojo Noguera apuntou que tanto o grupo de traballo que o Parlamento de Galicia coordina no seo da CALRE, como a xornada técnica celebrada esta mañá en Santiago buscan afondar no coñecemento teórico e comparar os diferentes modelos institucionais que están en funcionamento  co obxectivo de avanzar en materia de democracia rexional.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia recordou que o modelo autonómico non só permite canalizar as ansias de autogoberno dos diferentes territorios senón que, como sucede no caso de Galicia, “ten a virtualidade de converternos en copartícipes e beneficiarios da realidade europea que, pese a vaivéns puntuais, constitúe o noso mellor salvavidas”.
 
Pilar Rojo agradeceu a presenza, esta mañá en Santiago, da presidenta da rexión de Bruxelas capital e presidenta da CALRE, Françoise Dupuis, e de todos os asistentes e conferenciantes.
 
Programa
Logo do acto inaugural, a xornada comezou cun relatorio sobre “Os modelos institucionais de democracia rexional nos estados federais: a versatilidade do estado federal”, a cargo de Néstor Pedro Sagüés, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Buenos Aires e na Pontificia Universidade Católica Arxentina, sede Rosario.
 
Seguiulle unha mesa redonda, moderada polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, José Antonio Sarmiento, que contou coa participación de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela; o catedrático Néstor Pedro Sagüés; Ignacio Navarro Méndez, letrado do  Parlamento de Canarias; e Cristina Ares Castro-Conde, profesora contratada doutora do Departamento de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela.
 
A xornada rematou cunha conferencia de Ignacio Navarro Méndez titulada “O funcionamento da democracia rexional en España desde a perspectiva dun Parlamento autonómico: posibles melloras institucionais”.

Imaxes relacionadas