Pilar Rojo inaugura un encontro de parlamentarios de Sanidade, aos que anima a “reforzar os puntos en común”

• “O contacto dos parlamentarios cos profesionais  e xestores do sistema achega unha visión plural, e sempre enriquecedora”, afirma a presidenta da Cámara

Santiago, 2 de xullo de 2013.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou esta mañá en Baiona (Pontevedra) o Encontro de Parlamentarios de Sanidade, no que animou aos participantes a “reforzar os puntos en común; hainos e seguramente son máis dos que ás veces pensamos”.
 
Na súa intervención, a presidenta da Cámara galega insistiu na necesidade de “procurar o achegamento para preservar o noso sistema sanitario público que, como moitas veces teño dito, para sí quixeran moitos outros países”.
 
A titular do lexislativo galego felicitou aos organizadores deste foro -o grupo editorial Sanitaria 2000- por contribuír  a divulgar a realidade do sector desde unha óptica variada na que teñen cabida científicos, políticos, técnicos e xestores sanitarios.
 
“O contacto dos parlamentarios cos profesionais  e xestores do sistema achega unha visión plural, e sempre enriquecedora”, agregou Rojo Noguera.
 
Con todo, Pilar Rojo amosouse convencida de que “cada un dos aquí presentes, desde os seus diferentes pero sempre lexítimos postulados, buscan o mellor para todos”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas