O Parlamento de Galicia entrega os premios da III edición do seu concurso escolar


• A presidenta do Parlamento estivo acompañada por membros da Mesa da Cámara e do xurado do concurso
 
• Pilar Rojo anima aos escolares a esforzarse durante a súa etapa formativa para “acadar as metas soñadas”
 
• A presidenta da Cámara adianta que no vindeiro curso escolar se seguirá impulsando o programa de visitas guiadas ao Parlamento, “porque dificilmente se pode querer o que non se coñece”
 
Santiago, 5 de xuño de 2013.- A presidenta do lexislativo galego, Pilar Rojo, insistiu hoxe na importancia de que os nenos e mozos tomen proveito da etapa formativa na que están inmersos. “Ademais do esforzo e da axuda dos mestres, da familia e da sociedade no seu conxunto, resulta imprescindible o voso esforzo e o voso traballo para que podades acadar as metas soñadas”, dixo.
 
Pilar Rojo facía esta reflexión este mediodía, durante o acto de entrega dos premios da III edición do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia, no que estivo acompañada polos membros da Mesa da Cámara e polos integrantes do xurado que seleccionou aos gañadores.
 
A xuízo da presidenta da Cámara, os participantes no Concurso Escolar, demostraron “capacidade para buscar e procesar información”, deron “exemplo traballando en equipo cos compañeiros de clase” e “puxestes de manifesto que, como en calquera competición, participar é o máis
importante”.
 
Impulsar as visitas guiadas
 
Agregou Rojo Noguera que para o Parlamento de Galicia “é unha honra tervos hoxe entre nós”. Adiantou que, no vindeiro curso, a Cámara galega seguirá impulsando o seu programa de visitas guiadas, para incrementar o volume de persoas que se acheguen á sede do poder lexislativo galego, “porque dificilmente se pode querer o que non se coñece”.
 
Cada ano, o Parlamento de Galicia recibe unha media de 15.000 visitantes, pero, en palabras de Pilar Rojo, “queremos que esa cifra vaia a máis”.
 
Día Mundial do Medio Ambiente
 
Coincidindo co feito de que hoxe se celebra o Día Mundial do Medio Ambiente, a presidenta do Parlamento quixo tamén chamar a atención dos escolares sobre a necesidade de “preservar o noso contorno natural, que todos estamos obrigados a coidar para legar nas mellores condicións posibles ás xeracións futuras”.
 
No acto celebrado esta mañá no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia recibiron premios os gañadores das tres modalidades do concurso (Imaxina a Pintura, Escribe o teu conto e Exprésate), os profesores que supervisaron os traballos, as clases dos gañadores e os seus colexios. Tamén recibiron premios os finalistas e profesores supervisaron eses traballos.

GAÑADORES E FINALISTAS
 
Imaxina a Pintura
 
Alumnas do grupo gañador: Antía Martínez Pérez, Naiara Bouza Rodríguez, Inés Borge Juste, Lidia Castro Rodríguez e Lucía Otero Codeseda.
• Clase: 1º de Primaria.
• Profesora que supervisou o traballo: Dª Pilar Gallego Illán.
• Centro educativo:  CPR Plurilingüe Santiago Apóstol de  Ponteareas (Pontevedra).
 
Alumnas do grupo finalista: Candela Prada Vega, Ana Alonso Domínguez, Claudia Rodríguez Delgado, Carmen Estévez Martín e Nadia Dovigo Otero, alumnas de 2º ciclo de educación infantil do CEIP Virxe do Camiño de Rubiá (Ourense). Profesora que supervisou o traballo: Dª Aurora Delgado Pérez.
 
Escribe o teu conto
 
Alumnos do grupo gañador: Ariendys Franco Lorenzo e Brauly Gómez Peralta.
• Clase: 1º A de ESO.
• Profesor que supervisou o traballo: D. Francisco José Janeiro Rodríguez.
• Centro educativo:  IES Vilar Ponte de Viveiro (Lugo).
Alumnas e alumnos do grupo finalista: Alba Fernández Martínez, Diego Beltrán Fernández Prada, Laura García Fraga, Blanca Landín Rey e Pablo Francisco Lata Díaz (alumnos/as de 6º A de Educación Primaria do Colexio Manuel Peleteiro, de Santiago de Compostela (A Coruña).
Profesora que supervisou o traballo: Dª Josefa Lourido Barbeira.
 
Exprésate:
 
Alumnas e alumno do grupo gañador:  Rebeca Carballo Amado, Yemina Gómez Corral, Gloria Martínez Pazos e José Manuel Fernández Vilas.
• Clase: 3º U de ESO.
• Profesora que supervisou o traballo: DªMaría Blanco Crespo.
• Centro educativo: IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela (A Coruña).
 
Alumnas do grupo finalista: Alicia Suárez Cao, Tamara Cerqueiro Rey, Paula Vilariño Gasamáns e Uxía Rico Gómez (alumnas de 4º U da ESO do IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela (A Coruña). Profesora que supervisou o traballo: Dª Mercedes Espiño Amil.
 
INFORMACIÓN COMPLEMENTARIA
 
Modalidades
 
O Concurso Escolar do Parlamento de Galicia estrutúrase en tres modalidades:
 
• Imaxina a pintura, orientado ao alumnado de infantil, de 1º, 2º e 3º de Educación primaria e de educación especial.
• Escribe o teu conto, para alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de secundaria.
• E Exprésate, no que alumnos de 3º e 4º de secundaria poden participar con traballos de expresión libre en calquera soporte (vídeo, fotografía, spot publicitario ou calquera outro traballo que poda ser publicado nunha páxina web).
 
Premios
 
As bases deste concurso contemplan os seguintes premios:
 
• Para o alumnado do grupo gañador:
– Imaxina a pintura: Nintendo DS, xogo sobre a arte de pintar e libros.
– Escribe o teu conto:  ordenador portátil e libros.
– Exprésate: ordenador portátil e libros.
 
• Para a clase do grupo gañador: excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
 
•  Para o profesor ou profesora que supervise o traballo do grupo gañador: unha táboa dixital.
 
• Para o centro educativo do grupo gañador: un agasallo de 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar
 
• Para o grupo finalista: MP4 e un lote de libros para cada un dos alumnos e o/a profesor/a supervisor/a do traballo.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas