O Parlamento de Galicia conclúe a catalogación das bibliotecas e os arquivos de Carballo Calero e os irmáns Villar Ponte

 
• Os catálogos poden ser consultados a través da web do Parlamento de Galicia
 
• O material adquirido tempo atrás pola Cámara galega, está a disposición dos estudiosos e de calquera persoa  interesada
 
 
Santiago, 14 de xullo de 2012.- O Parlamento de Galicia ven de rematar o proceso de catalogación e dixitalización das bibliotecas e os arquivos persoais de Carballo Calero e dos irmáns Villar Ponte, un conxunto heteroxénero de libros, revistas, cartas e outros documentos diversos adquiridos polo Parlamento de Galicia en 1997 e 2001, respectivamente, e que desde agora está a disposición dos estudosos e do público xeral.
 
A que no seu momento fora biblioteca persoal de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910/ Santiago de Compostela, 1990) está integrada por 4.872 volumes e 197 titulos de revistas. A maioría dos libros gardan relación coa literatura e a lingüística, disciplinas nas que se centrou o labor profesional de Carballo Calero, que foi o primeiro catedrático de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago;  conta, ademais, con obras de historia ou filosofía.
 
Esta biblioteca pode resultar especialmente interesante para os investigadores que traballen no eido da lingüística e a literatura galegas entre os anos 30 e 80 do séxulo XX. Inclúe unha moi completa colección de obras de autores galegos desde o séxulo XIX ata a década dos 80 do século pasado,  entre as que se atopan gran cantidade de primeiras edicións, coleccións completas e  obras de edicións esgotadas que no seu momento tiveran edicións de moi pequena tirada. Destacan tamén primeiras edicións de autores da xeración do 27.
 
O Parlamento de Galicia custodia tamén o arquivo persoal de Carballo Calero, descrito en preto de 3.500 entradas catalográficas.  Polo de agora, a visualización e descarga deste material está reservada á Intranet do Parlamento, pero é intención da Cámara facilitar o acceso universal e aberto aos diferentes materiais a medida que se dispoña de autorizacións ou que os documentos pasen a ser de dominio público, o que non impide a súa consulta na sede parlamentaria.
 
Este fondo documental está integrado por material diverso no que se inclúen manuscritos do propio autor e preto de 4.000 cartas, entre as que se atopan escritos de Fernández del Riego, Montero Díaz, Parga Pondal, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Tomás Barros, Álvarez Blázquez, Rodrígues Lapa ou Sebastián Martínez Risco.
 
Villar Ponte
 
A biblioteca dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte (os dous foron escritores e xornalistas) está integrada por 1.216 volumes e coleccións de 43 títulos de revistas. A maioría dos fondos son de carácter literario e corresponden a autores contemporáneos dos primeiros propietarios da biblioteca. Antón Villar Ponte naceu en 1881 e faleceu en 1936, mentres que Ramón naceu en 1890 e faleceu en 1953.  Inclúense nesta colección un cento de títulos anteriores a 1900, entre os que hai obras do Padre Feijóo, algunhas primeiras edicións de Murguía ou a Historia de Galicia de Verea e Aguiar.
 
O arquivo persoal dos irmáns Villar Ponte está integrado por 931 entradas catalográficas que van desde  a correspondencia persoal (con obra epistolar remitida por Bóveda, Castelao, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Portela Valladares ou Vicente Risco) a manuscritos, pasando por carteis e outro tipo de materiais. Ao igual que no caso do arquivo de Carballo Calero, é intención do  Parlamento facilitar o acceso universal a este material unha vez se dispoña das autorizacións ou o material pase a ser de dominio público.
 
Catálogos na web
 
O catálogo das bibliotecas e dos arquivos de Carballo Calero e dos irmáns Villar Ponte pode consultarse na páxina web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamentodegalicia.es/biblioteca/abwebp.exe/LLgl-ES/G0), ao igual que o catálogo xeral da Biblioteca da Cámara.
 
Os investigadores e outras persoas interesadas en consultar o propio material deben desprazarse fisicamente á sede da Cámara, previa autorización de acceso á Biblioteca da institución.
 
O exhaustivo labor de catalogación destes arquivos e bibliotecas e a dixitalización dos arquivos implicou un intenso traballo. O labor foi dirixido polos servizos do Parlamento de Galicia e contou coa participación activa dos bolseiros seleccionados ao abeiro da convocatoria do Parlamento de Galicia para a formación  práctica de arquiveiros, bibliotecarios e documentalistas (dirixida a licenciados ou diplomados en biblioteconomía e documentación).
 
Previamente fixérase unha primeira clasificación e descrición xeral da documentación e material bibliográfico que integra estas coleccións.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas