O Parlamento de Galicia celebra este luns a Xornada sobre subsidiariedade na UE

 
• Están inscritos máis de medio cento de participantes, que seguirán as intervencións e os debates nos que intervirán deputados, profesores universitarios e letrados parlamentarios

Santiago, 230 de abril de 2010.-Deputados dos tres grupos do Parlamento de Galicia, profesores universitarios e letrados de diferentes cámaras lexislativas protagonizarán a Xornada sobre subsidiariedade na Unión Europea, que terá lugar o vindeiro luns, 3 de maio de 2010, na Cámara galega, e na que están inscritos máis de medio centro de participantes.
 
A actividade será inaugurada pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, ás 10.00 horas. De seguido, desenvolverase o primeiro relatorio da xornada, que, baixo o título “O Tratado de Lisboa e a subsidiariedade”, correrá a cargo de José Martín y Pérez de Nanclares, catedrático de dereito internacional público da Universidade de Salamanca. O moderador será o deputado Jaime Castiñeira Broz, presidente da Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia.
 
Xa ás 12,00 horas, e coa moderación do letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Antón Sarmiento Méndez, debaterase sobre a “Aplicación da subsidiariedade e parlamentos autonómicos”, coa participación de Clara Garrido Criado, letrada da Asemblea de Madrid, e de Montserrat Auzmendi del Solar, letrada maior do Parlamento Vasco. Ana Álvarez Pablos, letrada das Cortes Xerais, disertará sobre “O tratamento da subsidiariedade nas Cortes Xerais”.
 
Contra as 13,00 horas, Marta Sobrido Prieto, profesora de dereito internacional público da Universidade da Coruña, abordará “A subsidiariedade nas institucións da Unión Europea”. O relatorio irá seguido dun debate moderado por Purificación López Gómez, letrada da Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia.

Xa pola tarde, está programada unha mesa redonda titulada “A aplicación da subsidiariedade: unha visión desde Galicia” na que tomarán parte cadanseu representante do Bloque
Nacionalista Galego, do Partido dos Socialistas de Galicia, do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia. A moderación correrá a cargo de Isabel Lirola Delgado, profesora de dereito internacional público da Universidade de Santiago de Compostela.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas