O Parlamento de Galicia acolle hoxe a Xornada de saúde cardiovascular

 No marco da campaña "O teu Corazón é vital. Toma o control", inaugurada, esta mañá, pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2010 - O Parlamento de Galicia celebra hoxe de 09,30 a 14,30 horas a Xornada de saúde cardiovascular enmarcada dentro da campaña "O teu corazón é vital. Toma o control". Trátase dunha iniciativa impulsada pola Fundación Española do Corazón (FEC), apoiada pola Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) e coa colaboración de Novartis e Esteve.
 
A campaña, que percorreu durante 2009 as comunidades de Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Aragón, Baleares, Madrid e Canarias, contou cunha ampla asistencia, unha media de oitenta e un participantes por comunidades, entre parlamentarios, funcionarios e xornalistas.
 
A xornada foi inaugurada, esta mañá, pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
"O teu corazón é vital. Toma o control" ten como obxectivo sensibilizar e concienciar a poboación sobre a importancia do control da saúde cardiovascular e os seus factores de risco a través da implicación da clase política. Durante 2010, a campaña visitará Murcia, Cataluña, Galicia, País Vasco, Estremadura, Navarra, Andalucía, A Rioxa, Asturias e o Senado.
Durante a xornada de hoxe, deputados, persoal da Cámara e xornalistas acreditados no Parlamento de Galicia teñen a posibilidade de pasar por unha serie de probas médicas para coñecer o estado da súa saúde cardiovascular. Ao final do percorrido, un cardiólogo da Sociedade Española de Cardioloxía entregaralles un informe personalizado e daralles as recomendacións pertinentes para manter ou mellorar a súa saúde cardiovascular.
 
¿Por que unha campaña de saúde cardiovascular?
 
Nos últimos anos, as enfermidades cardiovasculares convertéronse na primeira causa de mortalidade no noso país e en todo o mundo. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), no ano 2005 faleceron por esta causa 17,5 millóns de persoas no mundo, un 30% do total das mortes a nivel mundial.
 
O Informe do Instituto Nacional de Estatística (INE) 2008, publicado no 2010, destaca que actualmente as mortes por enfermidades cardiovasculares (ECV) en España se cifran en 122.000 vidas ao ano. Ademais, estímase que, debido ao envellecemento da poboación, cada ano aumente un 1,5% o número de casos por cardiopatía coronaria que serán hospitalizados en España.
 
En España aínda non se desenvolveron políticas específicas de prevención das ECV, polo tanto, é fundamental a implicación da clase política nestas iniciativas para lograr unha redución da incidencia deste tipo de enfermidades. O doutor. D. Leandro Plaza, presidente da Fundación Española do Corazón, explica que "A intención é que a clase política española, que foi elixida polos cidadáns e que os representa en moitos aspectos da vida política, social e económica, sirva tamén neste caso como exemplo. "
 
Desenvolvemento da xornada
 
Os participantes nesta xornada coñecerán o estado da súa saúde cardiovascular a través do circuíto médico instalado no Parlamento.
 
Medir o peso, a cintura e o perímetro abdominal, determinar o nivel de colesterol e glicosa en sangue e medir a presión e frecuencia cardíaca son as probas polas que terán que pasar os asistentes. Tras o exame, e no caso de que o crean necesario, os cardiólogos recomendaranlles aos participantes unha revisión médica máis exhaustiva por parte do seu especialista.
 
O fin principal desta campaña é concienciar a sociedade a través dos nosos políticos sobre a importancia do control e a prevención dos factores de risco cardiovascular, fomentando hábitos de vida saudables entre a poboación que eviten a aparición de enfermidades cardiovasculares. "A implicación da clase política é a clave que pode impulsar precisamente cambios nos procesos sanitarios. É dicir, a través desta iniciativa elevamos a importancia do control da saúde cardiovascular dos parlamentarios, á vez que lles transmitimos o noso desexo de reducir e previr os riscos de saúde cardiovascular", segundo o doutor Carlos Macaya, presidente da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC).
 
Interpretación dos resultados
 
Actualmente, existe un gran descoñecemento por parte da poboación acerca da posibilidade de presentar algún dos principais factores de risco cardiovascular (hipertensión arterial, colesterol, diabete, tabaco e obesidade). Ademais, estímase que tan só un 7% dos casos controla estes cinco factores de risco. Unha vez analizado o informe de cada participante, os médicos facilítanlles unhas pautas de vida saudables que axudan a manter baixo control a súa saúde cardiovascular. Un control periódico da glicosa, unha dieta equilibrada e exercicio diario permitirán reducir o risco de sufrir unha enfermidade cardiovascular.
 
Nos casos que os médicos consideren necesarios, recomendaranlles aos asistentes que visiten o seu especialista para que este proceda segundo se requira. "É importante destacar que o informe xerado é válido a título informativo e non representa ningún certificado diagnóstico. Desta forma, se tras a valoración da saúde cardiovascular se detecta algún valor fóra dos límites da normalidade, recoméndase activamente asistir á consulta dun profesional", comenta o doutor García Fernández, director médico da Campaña.
 
Acerca da SEC e a FEC
 
A Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) e a Fundación Española do Corazón (FEC) constitúen unha organización cuxo impulso vital é velar pola saúde cardiovascular da poboación a través da excelencia clínica e investigadora, así como educativa e divulgativa. Ambas as dúas entidades convertéronse nun referente da loita contra a enfermidade cardiovascular, primeira causa de morte no noso país.
A SEC conta con máis de 4.000 socios, entre cardiólogos e profesionais relacionados coas enfermidades cardiovasculares, tanto españois coma procedentes do ámbito europeo, latinoamericano ou internacional.
 
A FEC conta con máis de 4.000 membros, entre os que se inclúen os cardiólogos da SEC, profesionais de enfermaría en cardioloxía, asociacións de pacientes, entidades privadas e socios particulares.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación
 
 

Imaxes relacionadas