Declaración institucional do Parlamento de Galicia co gallo da reunión dos Intergrupos Parlamentarios Paz e liberdade para o pobo saharauí

O Parlamento Galego, co gallo da reunión en Vitoria-Gasteiz dos Intergrupos Parlamentarios Paz e liberdade para o pobo saharauí, adopta as seguintes  consideracións e resolucións :
 
O proceso de descolonización do Sáhara occidental segue inconcluso. A Resolución do 10 de decembro de 1975 e moitas outras resolucións e declaracións posteriores de Nacións Unidas  reafirman o dereito dos e das saharauís á súa libre determinación.
 
Desde 1991, a Minurso, Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara occidental, ten o mandato de supervisar no propio territorio os traballos que leven á consecución do referendo de libre determinación do Sáhara occidental, ata hoxe sen éxito, a causa do obstrucionismo marroquí e da incapacidade da comunidade internacional para facer efectivas tanto a legalidade internacional coma as súas propias decisións.
 
Neste marco de estancamento, tal e como reclamamos na Declaración de Valladolid o ano pasado, España ten que ter unha posición activa e liderar, xunto coas Nacións Unidas, unha solución xusta a este conflito.
 
Por todo o exposto, acordamos:
 
1.- Reafirmarnos no manifestado nas sucesivas declaracións aprobadas ata a data no referente ao lexítimo dereito do pobo saharauí á súa autodeterminación mediante referendo, como final do proceso de descolonización no que está inmerso, e instar o Goberno de España a manter un compromiso firme coa busca dunha solución política xusta, duradeira e mutuamente aceptable que prevexa a autodeterminación do pobo do Sáhara occidental no marco das Nacións Unidas.
 
2.- Reiterarnos no noso recoñecemento á Fronte Polisaria como lexítima representante do pobo saharauí.
 
3.- Esixirlle ao Reino de Marrocos a inmediata liberación dos presos de conciencia saharauís. Así mesmo, facemos unha mención especial á situación dramática de soidade e do desarraigamento das mulleres saharauís, non coñecida suficientemente pola cidadanía e a comunidade internacional, vítimas da violación dos dereitos humanos; en particular, ás desaparecidas nos territorios ocupados, cuxa situación afecta especialmente as súas familias, que tiveron que facerse cargo dos seus fillos e fillas.
 
4.- Instar as Nacións Unidas a axilizar a solución xusta e duradeira do conflito do Sáhara occidental, solución que pasa por levar á práctica o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.
 
5.- Instar a Organización das Nacións Unidas a que dote a Minurso da potestade para salvagardar os dereitos humanos dos e das habitantes do Sáhara occidental ocupado.
 
6.- Instar o conxunto de institucións públicas de España a continuar o apoio solidario á poboación refuxiada nos campamentos de Tindouf, máxime nestes momentos de crise económica. Así mesmo, expresamos a nosa solidariedade cos tres cooperantes secuestrados nos devanditos campamentos, así como coas súas familias e amizades, e esiximos a pronta liberación de Enric Gonyalons, Ainhoa Fernández de Recuncho e Rosella Urru. Recoñecemos tamén o traballo realizado por diferentes gobernos e instancias solidarias, e en especial pola Fronte Polisaria, que non deixou un só día de traballar a prol  da liberación dos devanditos cooperantes.
 
7.- Establecer como prioridade para a acción dos intergrupos neste ano 2012 o apoio á poboación saharauí dos territorios ocupados a través do envío de misións de observación.
 
8.- Instar a Unión Europea a colaborar na procura da solución antes apuntada, a facer efectiva a cláusula do respecto aos dereitos humanos establecida no Acordo preferente co Reino de Marrocos, e a que os convenios sectoriais que puidese establecer co Reino de Marrocos non afecten o territorio, nin as augas territoriais do Sáhara occidental, nin os dereitos políticos, culturais e económicos do pobo saharauí, nin, en xeral, os seus recursos naturais, tal e como se recolle na Resolución 63/102, aprobada pola Asemblea Xeral da ONU o 18 de decembro de 2008.
 
9.- Convidar os medios de comunicación a que traten o conflito saharauí coa mesma importancia e relevancia que lle confire a sociedade española. Animamos ás persoas solidarias coa causa saharauí a que a través das redes sociais difundan e denuncien a situación do Sahara ocupado.
 
10.- Instar o resto de parlamentos do Estado español a que fagan seu o contido desta declaración.
 
Esta declaración remitiráselles á representante do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, ao Goberno de España, ao da Comisión Europea, á Delegación da Fronte Polisaria en España e ao Goberno de Marrocos.
 
O Parlamento galego quere manifestar ademais:
 
a) A consideración ao papel de liderado das mulleres saharauís na organización da vida nos campamentos de refuxiados e na busca de solucións pacíficas ao conflito.
 
b) O compromiso de formalizar o intergrupo galego como instrumento de apoio ao pobo saharauí nas súas xustas demandas, e de asumir desde o intergrupo as accións que se recollen nesta resolución.
 
 

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2012

 

Imaxes relacionadas