Declaración Institucional da Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego, do Parlamento de Galicia, con motivo do Día Mundial da Saúde de 2010

 
 
A Organización Mundial da Saúde (OMS) dedica o día mundial da saúde 2010 á saúde urbana. O proceso de urbanización, resultado do proceso de concentración da poboación  nas cidades, é un proceso universal e complexo que caracteriza, hoxe en día, especialmente aos países en desenvolvemento. Orixínase como resposta ao deterioro ou estancamento da calidade de vida nas áreas rurais, asociándose cun mellor acceso a sistemas de saneamento ambiental e a posibilidade dun maior disfrute de mellores servizos educativos e de saúde.
 
Este proceso de urbanización foi moito mas lento nos países desenvolvidos, o que lles permitiu unha adaptación mais progresiva á nova situación.
 
O modelo de desenvolvemento urbano é un claro factor determinante de saúde, en tanto en canto actúa a través de mecanismos ambientais, sociais e de infraestrutura física que están relacionados con problemas de saúde derivados da contaminación ambiental, a pobreza, a violencia, as enfermidades non transmisibles e os seus factores de risco específico (tabaquismo, consumo abusivo de alcohol, drogodependencias, etc...), ou aos estilos de vida non saudables (sedentarismo, dieta inadecuada, etc..).
 
Todos estes factores son potencialmente modificables e, polo tanto, susceptibles de mellorar a través de medidas que aumenten a concienciación sobre estes problemas e a necesidade de abordarllos mediante unha adecuada planificación urbana, salientando o papel que deben xogar sempre os gobernos municipais.

A OMS define cinco áreas clave de intervención no eido da urbanización:

1.     Unha planificación urbana que promova comportamentos saudables e seguridade.

2.     A mellora das condicións de vida urbanas.

3.     Unha xestión urbana participativa.

4.      Unhas cidades accesibles e que se adapten a todos as franxas de idade e con perspectiva de xénero.

5.     Unhas cidades resistentes a situacións de emerxencia e catástrofes.

Desde o Parlamento de Galicia ínstase a  toda a cidadanía a participar activamente na procura da súa propia saúde e ás administracións de Galicia, locais, provinciais e autonómica, a  que traballen conxuntamente nestas áreas claves para conseguir un equilibrio sostible entre o desenvolvemento individual e social nun marco do máximo nivel de saúde.
 
 
 
Parlamento de Galicia, 7 de abril de 2010

Imaxes relacionadas